Thursday 09 de May de 2024

O Magosto de Brión reuniu a case un milleiro de persoas que degustaron 200 quilos de castañas, 150 litros de chocolate e milleiros de churros


 

O Concello de Brión, en colaboración coa asociación de mulleres Xuntanza, celebrou na tarde/noite do venres o seu tradicional magosto e chocolatada, que comezou ás sete da tarde e se extendeu ata ben entrada a noite. Durante ese tempo, preto dun milleiro de veciños e veciñas foron pasando pola carpa instalada na carballeira de Santa Minia.

A afluencia foi tal que, nos momentos de maior asistencia, todos os aparcadoiros habilitados da contorna quedaron cubertos e mesmo houbo que aparcar a case un quilómetro da carballeira. O tempo acompañou e durante a festa se degustaron uns 200 quilos de castañas asadas, 150 litros de chocolate quente e varios milleiros de churros. Un ano máis, a música correu a cargo da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión, que interpretaron varias pezas de música tradicional do seu amplo repertorio en distintos puntos da carballeira.